Dicionario dos Seres Míticos Galegos é unha viaxe a través da mitoloxía do país, asentada, na oralidade dos devanceiros e, daquela, un libro de consulta práctico, útil e fermoso ó tempo, pero tamén é unha viaxe que atravesa páxinas de forte contido narrativo, e lectura amena, entretida e divertida. Co rigor dun dicionario e o feitizo dunha novela apaixonante, este libro constitúe unha das máis importantes aportacións ó patrimonio cultural galego nos últimos anos. Nas 710 entradas das que consta o Dicionario dos Seres Míticos Galegos pode o lector atoparse con xente cativa, xigantes, olláparos, ananos, xacias, sereas, xerpas, rabenos, encantos, lamias, lavandeiras; entrar no pazo dos mouros e conversar coa Mourindade; roubar o peite da moura; recoller carbóns que se convertan nun tesouro; sufrir con paciencia a trasnos, diaños e tardos; durmir con Pedro Chosco; ter medo da Estadea; fuxir con Brancaflor ou oír os contos de María Castaña. O lector poderá visitar as tumbas de Orcavella e a Raíña Lupa; asaltará casas con Pepa a Loba; beberá na fonte de Ana Manana; voará con meigas, chuchonas e nubeiros; correrá sete parroquias cos lobishomes; verá como Deus crea demos e anxos; asombrarase con lobos, cobras, dragóns, basiliscos, cocas, unicornios;...