Paco Roca (Valencia, 1969) estudou na Escola de Arte e Superior de Deseño da súa cidade natal. Aínda que o seu traballo se centra nos cómics, compaxina o seu tempo coa ilustración e as charlas e obradoiros. Da súa extensísima bibliografía comiqueira, cuxos traballos se traduciron a unha decena de idiomas (entre eles o galego) e foron multipremiados, destacamos «Engurras», Premio Nacional de Cómic 2008, Gran Premio Romics de Roma, Premio Gran Guinigi de Lucca, Excellence Award do Japan Media Art Festival, nomeado aos Premios Eisner. Algúns dos seus cómics foron levados ao ámbito audiovisual, como é o caso de «Arrugas» (Ignacio Ferreras, 2011), que obtivo o Goya á mellor película de animación e o Goya ao mellor guión adaptado, «Memorias de un hombre en pijama» ou «El tesoro del Cisne Negro», convertido en serie de televisión («La Fortuna») dirixida por Alejandro Amenábar. En 2021 foille outorgada a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. En Xerais, é autor das ilustracións do libro infantil «Dona Problemas» (2023).